xoves, 20 de marzo de 2014

Reforma do Mercado do Berbés


Desde o pasado mes de xullo de 2013 está en marcha a remodelación integral do mercado do Berbés. O obxectivo é a dinamización economica deste inmóbel, dado o seu alto potencial turístico por atoparse ao carón do porto de transatlánticos. Esta actuación adxudicouse o ano pasado por 1,7 millóns de euros á empresa Construcciones Ramírez e destináronse, dos orzamentos municipais de 2014, uns 850.000 euros co fin de rematar a segunda fase da obra, a cal comeza no mes de marzo. Dese modo, quedan pendentes 100.000 euros dos 500.000 que se dedicaron no ano 2012. O proxecto conta, ademais, cuns 300.000 euros de reserva, o que fai un total de 1,7 millóns de euros de diñeiro público que irá destinado a fomentar a chegada de investidores privados ao mercado do Berbés.[6][7]

Esta actuación está encamiñada principalmente á remodelación do segundo andar e da cuberta do mercado. No segundo andar preténdese impulsar a chegada de locais de restauración (aínda que nun primeiro momento se quixo destinar a produtos delicatessen). A cuberta do mercado preténdese retirar para instalar nesa área unha cafetería con terraza-miradoiro á ría. Este proxecto desatou a contestación por parte da veciñanza do barrio pois, non só se eleva nun andar máis o mercado (gañando a edificación catro metros máis de altura e pechando máis Vigo ao mar), senón que ademais se están a implantar máis locais de ocio nunha zona acusticamente protexida, precisamente protexida do ruído nocturno dos locais[8]). 

Á súa vez, o primeiro andar destinarase á venda cun total de 35 postos, mentres que o baixo será para a carga e descarga e, posibelmente, aínda que non é definitivo, para a instalación dun supermercado.

En total, o mercado ten 4.850 metros cadrados de superficie repartidos entre o baixo, o primeiro e o segundo andar, mais a cuberta. Isto supón unha boa superficie coa que especular e facer negocio no centro da cidade ao carón do porto de transatlánticos. Non hai que esquecer que o mercado do Berbés se atopa moi preto do actual centro comercial da Laxe, polo que a oferta e demanda deste tipo de ocio e restauración xa están cubertas no barrio. É dicir, non constitúe unha verdadeira demanda da veciñanza da zona vella (agás no caso dos supermercados, xa que o barrio non conta con ningún), senón que a súa remodelación responde a intereses empresariais e especulativos. Desta forma, quérese impulsar un eixe comercial destinado ao turismo en todo o Berbés, que abranguería desde o porto de transatlánticos, pasando polo centro comercial da Laxe e o mercado do Berbés, até a Ribeira do Berbés, coa construción de seis hoteis de pequeno tamaño e con “encanto”[9]. 


Ligazóns de referencia: